Reto 02
Tui conectado
Queremos que moverse por Tui sexa posible tamén sen coche. O centro, as parroquias, a universidade, os servizos e os principais puntos de conexión deben funcionar como partes dunha mesma cidade.
Proxectos
2023: parroquias, conexión co CUVI, mobilidade e aparcamento.
PROXECTO 2.1
PARROQUIAS ↔ CENTRO
Queremos que vivir nunha parroquia permita ir ao centro, facer unha xestión, acudir a unha actividade, comprar ou utilizar un servizo con alternativas útiles ao coche.
Queremos deseñar unha conexión de transporte útil partindo dos desprazamentos que realmente fai a xente: desde onde, cara a onde e en que horarios. Queremos un transporte público que resulte práctico utilizar e responda aos desprazamentos reais da veciñanza.
Pequenas metas
- 01Identificar as parroquias, destinos e franxas horarias con maior necesidade de conexión.
- 02Deseñar rutas, paradas e frecuencias a partir deses desprazamentos.
- 03Iniciar o servizo nas conexións prioritarias.
- 04Medir ocupación e utilización desde o primeiro momento.
- 05Modificar horarios e percorridos cando os datos demostren que é necesario.
Que a veciñanza das parroquias poida participar na vida de Tui con alternativas útiles ao coche.
PROXECTO 2.2
CONEXIÓNS EXTERIORES
A mesma rede debe mirar tamén cara aos destinos aos que a cidadanía necesita desprazarse habitualmente fóra do núcleo urbano.
O CUVI sería unha conexión fundamental para Tui Universitario, pero queremos estudar tamén estacións, servizos, zonas de traballo e outros puntos con desprazamentos frecuentes. Un mesmo sistema pode atender necesidades diferentes ao longo do día se se deseña ben.
Pequenas metas
- 01Identificar os principais destinos exteriores e os horarios de maior demanda.
- 02Coordinar, cando sexa posible, os horarios locais cos demais medios de transporte.
- 03Coordinar coa administración competente as conexións que crucen o termo municipal, como a do CUVI.
- 04Integrar a conexión co CUVI dentro do proxecto Tui Universitario.
- 05Deseñar o sistema de forma que os mesmos recursos poidan atender diferentes necesidades ao longo do día.
Ampliar as alternativas prácticas ao vehículo particular nos desprazamentos habituais.
PROXECTO 2.3
APARCAMENTO E ÁREA PANORÁMICA
O aparcamento condiciona o día a día de quen vive, traballa ou visita Tui. Queremos coñecer onde faltan prazas e escoller unha solución que funcione para o centro sen renunciar a un espazo público agradable.
Estudaremos a demanda real e as opcións para mellorar o estacionamento no centro e nas zonas próximas. A capacidade que poida engadirse dependerá das alternativas viables, dos seus custos e do impacto no espazo público.
Na Área Panorámica queremos estudar se é posible compatibilizar estacionamento cun espazo exterior máis verde e con sombra. Ver tamén: o uso do edificio e das salas municipais en «Área Panorámica · recuperar espazos para a cidade» (6.6).
O estudo deberá comparar as alternativas e mostrar que combinación de prazas, sombra e zona verde é posible sen dar por decidida a solución.
Con esa información poderemos decidir por fases, explicar os custos e levar adiante a opción que mellor responda ás necesidades de Tui.
Pequenas metas
- 01Actualizar os datos sobre necesidades e capacidade de aparcamento no centro.
- 02Revisar tecnicamente as posibilidades reais da Área Panorámica e os estudos e actuacións realizados ata o momento.
- 03Analizar outras localizacións que poidan complementar o estacionamento do centro.
- 04Comparar con profesionais as opcións de aparcamento e zona verde na Área Panorámica, se resultan compatibles.
- 05Definir custos, fases, financiamento e modelo de execución da solución seleccionada.
- 06Desenvolver por fases a solución viable que se escolla, cos permisos e recursos necesarios.
Mellorar o aparcamento cunha solución viable e, onde sexa posible, gañar sombra e espazo verde para as persoas.
PROXECTO 2.4
ADAPTACIÓN DOS VEHÍCULOS POLO CENTRO
Queremos estudar unha mellor adaptación dos vehículos polo centro de Tui e unha boa xestión do aparcamento e da zona azul, de xeito que circular e aparcar sexa máis sinxelo para a veciñanza, o comercio e quen nos visita.
O obxectivo non é deixar de controlar o estacionamento, senón xestionalo ben. Para iso, unha das accións é cuestionar o sistema de cámaras posto en marcha polo goberno actual, que consideramos mal planificado e custoso.