Reto 03

Tui en forma

Queremos que facer actividade física en Tui sexa fácil en calquera etapa da vida. Hoxe hai necesidades que levan mesmo a veciñanza de Tui a buscar fóra servizos deportivos que poderían ter aquí.

2023: deporte de base.

PROXECTO 3.1

PISCINA 365

ACHEGA VECIÑAL

Tui conta cunhas piscinas municipais recentemente renovadas, pero continúan sendo instalacións de tempada estival. Quen quere nadar durante o resto do ano ten que desprazarse a outros municipios. Piscinas próximas como as do Porriño ou Valença absorben tamén usuarios da nosa contorna e soportan unha utilización moi elevada.

Por iso o punto de partida é moi concreto: queremos que en Tui se poida nadar os 365 días do ano.

A solución concretarase a partir do estudo profesional da instalación. Queremos que os profesionais estuden a instalación que acabamos de renovar e determinen a mellor solución técnica, económica, enerxética e funcional para permitir o seu uso durante todo o ano.

Actividade física durante todo o ano

A piscina pode formar parte dunha oferta municipal máis ampla. Queremos analizar que instalacións xa temos e como poden aproveitarse para ofrecer actividades de forza, mobilidade, pilates, mantemento físico, exercicio adaptado ou envellecemento activo.

Queremos aproveitar mellor os espazos xa dispoñibles para completar a oferta de actividade física. O estudo dirá que instalacións e recursos fan falta; a decisión sobre a piscina debe responder ao seu custo e funcionamento real.

Pequenas metas

  1. 01Estudar a viabilidade e as alternativas para poder nadar en Tui durante todo o ano, incluído o posible uso da piscina actual.
  2. 02Coñecer investimento, custos de funcionamento e necesidades de persoal.
  3. 03Definir un modelo de uso e tarifas que axude á sustentabilidade do servizo.
  4. 04Identificar instalacións municipais nas que ampliar as actividades dirixidas.
  5. 05Poñer en marcha progresivamente unha oferta deportiva estable durante todo o ano.
Onde queremos chegar

Que unha persoa de Tui poida nadar e acceder durante todo o ano a unha oferta básica de actividade física no seu municipio.

PROXECTO 3.2

DEPORTE AO AIRE LIBRE

PROPOSTA DO EQUIPO

Queremos impulsar o deporte ao aire libre e conectar actividade física e natureza. Os espazos concretos valoraranse segundo as necesidades e as posibilidades de cada lugar.

Queremos estudar un espazo exterior amplo no que practicar calistenia, forza, exercicio funcional, mobilidade ou estiramentos e desde o que tamén poidan partir ou conectarse percorridos para correr, camiñar ou acceder ás rutas da contorna.

Queremos un espazo de adestramento pensado como un conxunto e integrado na natureza. Queremos que profesionais do deporte, da paisaxe e do deseño do espazo público definan un lugar realmente útil para adestrar e integrado na natureza.

Pequenas metas

  1. 01Valorar os espazos que poden destinarse ao proxecto.
  2. 02Definir os usos coa participación de clubs, deportistas e usuarios.
  3. 03Deseñar as zonas de adestramento e a súa conexión cos percorridos existentes.
  4. 04Incorporar sombra, descanso e os servizos necesarios.
  5. 05Executar o conxunto por fases se permite poñer partes en funcionamento antes.
Onde queremos chegar

Dispoñer de espazos para facer deporte gratuíto ao aire libre e conectar actividade física e natureza.

PROXECTO 3.3

PARQUE ACTIVO PARA MAIORES

PROPOSTA DO EQUIPO

Queremos crear espazos pensados especificamente para conservar mobilidade, forza, equilibrio e autonomía ao facernos maiores. As localizacións valoraranse segundo as necesidades das persoas maiores nas distintas zonas e parroquias de Tui.

Queremos deseñar un parque activo completo, pensado para as necesidades das persoas maiores. Queremos un lugar accesible, agradable, con sombra, bancos, percorridos e elementos correctamente seleccionados para traballar mobilidade, coordinación, equilibrio ou forza.

O mesmo espazo podería acoller actividades guiadas de envellecemento activo e converterse tamén nun lugar de encontro.

Pequenas metas

  1. 01Valorar espazos accesibles nas distintas zonas e parroquias.
  2. 02Deseñar o parque con profesionais de actividade física e accesibilidade.
  3. 03Incorporar descanso, sombra e percorridos ademais dos elementos de exercicio.
  4. 04Crear actividades periódicas que ensinen tamén a utilizar correctamente o espazo.
Onde queremos chegar

Axudar a que as persoas maiores manteñan durante máis tempo a súa mobilidade, autonomía e vida social.

PROXECTO 3.4

BICI, PATÍNS E MOVEMENTO

PROPOSTA DO EQUIPO

Os nenos e mozos necesitan tamén lugares nos que moverse con liberdade. Os parques infantís poden complementarse con espazos para outras formas de xogo e actividade.

Queremos crear un espazo seguro no que aprender e practicar bicicleta, patíns e outras formas de movemento, adaptado a diferentes idades e separado do tráfico.

Pequenas metas

  1. 01Buscar unha localización segura e ben conectada.
  2. 02Deseñar percorridos e zonas adaptadas a diferentes idades e niveis.
  3. 03Incorporar o espazo á rede de ocio e deporte da cidade.
Onde queremos chegar

Ofrecer tamén espazos públicos pensados para unha infancia e mocidade activas.

PROXECTO 3.5

CAMPO DE FÚTBOL DE GUILLAREI

PROPOSTA DO EQUIPO

Proposta do PP para renovar o campo de fútbol de Guillarei, dentro das instalacións deportivas do municipio.