Reto 10
Tui que traballa e emprende
Queremos que o crecemento de Tui xere tamén oportunidades para traballar, abrir un negocio, emprender e desenvolver unha actividade profesional aquí.
Proxectos
2023: comercio, mercado, emprendemento e emprego.
PROXECTO 10.1
COMERCIO E CENTRO URBANO
Un centro con máis persoas camiñando, actividades durante todo o ano, familias que pasan a tarde e novos residentes significa tamén máis oportunidades para o comercio e a hostalaría.
Queremos conectar as políticas comerciais co resto de TUI 20.000: cultura, aparcamento, mobilidade, universidade, familias e mellora do espazo público deben traballar tamén a favor da actividade económica.
Pequenas metas
- 01Crear un mapa actualizado de locais baleiros e zonas con menor actividade.
- 02Manter unha canle estable de traballo cos comerciantes.
- 03Facilitar a conexión entre propietarios de locais e novos proxectos.
- 04Coordinar programación e campañas para xerar actividade tamén nos períodos máis débiles.
- 05Medir o impacto das actuacións e axustalas para mellorar os resultados.
Conseguir un centro con máis actividade durante máis horas e máis meses do ano.
PROXECTO 10.2
EMPRENDEMENTO
Quen queira iniciar un proxecto debería contar con orientación sobre os trámites, as administracións e os recursos dispoñibles.
Queremos crear unha porta municipal clara de orientación que acompañe aos novos proxectos e os conecte con formación, financiamento, espazos e organismos especializados cando sexa necesario.
Pequenas metas
- 01Crear un punto único de información para novos proxectos.
- 02Elaborar percorridos claros segundo o tipo de actividade.
- 03Conectar emprendedores con recursos e programas existentes.
- 04Facilitar a procura de locais ou espazos cando sexa posible.
Facer máis sinxelo transformar unha idea empresarial ou profesional nun proxecto que poida quedar en Tui.
PROXECTO 10.3
EMPRESA, INDUSTRIA E EMPREGO
Queremos unha relación estable coas empresas para coñecer que perfís necesitan, que dificultades atopan e que necesidades comúns poden abordarse desde o Concello.
Esa información debe servir tamén para conectar empresas, persoas que buscan emprego e centros formativos, en lugar de traballar cada parte por separado.
Pequenas metas
- 01Crear unha canle permanente co tecido empresarial e industrial.
- 02Identificar os perfís profesionais máis demandados.
- 03Conectar esas necesidades con centros de formación e persoas que buscan emprego.
- 04Detectar problemas compartidos nas zonas empresariais e trasladalos á planificación municipal.
- 05Crear encontros directos entre empresas, formación e talento local.
Conectar mellor emprego, formación e empresa para que máis oportunidades profesionais poidan desenvolverse en Tui.
PROXECTO 10.4
TALENTO LOCAL
En Tui hai persoas desenvolvendo proxectos empresariais, artísticos, artesanais, culturais, creativos e profesionais que moitas veces traballan sen coñecerse entre elas nin estar conectadas coa actividade municipal.
Queremos localizar ese talento e crear unha rede que permita coñecelo, conectalo e incorporalo cando existan oportunidades de colaboración, formación, eventos ou proxectos.
Pequenas metas
- 01Crear un mapa voluntario de talento e proxectos locais.
- 02Facilitar que profesionais e empresas se coñezan.
- 03Incorporar talento local ás actividades municipais cando os procedementos o permitan.
- 04Crear encontros nos que compartir proxectos, necesidades e oportunidades.
- 05Dar visibilidade aos proxectos que nacen e medran en Tui.
Que vivir en Tui poida significar tamén atopar oportunidades para traballar, emprender e desenvolver aquí un proxecto profesional.
PROXECTO 10.5
CONCELLO EMPRENDEDOR
Impulsar a incorporación de Tui á iniciativa galega de Concellos Emprendedores, estudando os incentivos fiscais e as medidas administrativas que permitan facilitar a creación, implantación e ampliación de empresas no municipio.