Reto 02

Tui conectado

Queremos que moverse por Tui sexa posible tamén sen coche. O centro, as parroquias, a universidade, os servizos e os principais puntos de conexión deben funcionar como partes dunha mesma cidade.

2023: parroquias, conexión co CUVI, mobilidade e aparcamento.

PROXECTO 2.1

PARROQUIAS ↔ CENTRO

PROPOSTA DO EQUIPO

Queremos que vivir nunha parroquia permita ir ao centro, facer unha xestión, acudir a unha actividade, comprar ou utilizar un servizo con alternativas útiles ao coche.

Queremos deseñar unha conexión de transporte útil partindo dos desprazamentos que realmente fai a xente: desde onde, cara a onde e en que horarios. Queremos un transporte público que resulte práctico utilizar e responda aos desprazamentos reais da veciñanza.

Pequenas metas

  1. 01Identificar as parroquias, destinos e franxas horarias con maior necesidade de conexión.
  2. 02Deseñar rutas, paradas e frecuencias a partir deses desprazamentos.
  3. 03Iniciar o servizo nas conexións prioritarias.
  4. 04Medir ocupación e utilización desde o primeiro momento.
  5. 05Modificar horarios e percorridos cando os datos demostren que é necesario.
Onde queremos chegar

Que a veciñanza das parroquias poida participar na vida de Tui con alternativas útiles ao coche.

PROXECTO 2.2

CONEXIÓNS EXTERIORES

PROPOSTA DO EQUIPO

A mesma rede debe mirar tamén cara aos destinos aos que a cidadanía necesita desprazarse habitualmente fóra do núcleo urbano.

O CUVI sería unha conexión fundamental para Tui Universitario, pero queremos estudar tamén estacións, servizos, zonas de traballo e outros puntos con desprazamentos frecuentes. Un mesmo sistema pode atender necesidades diferentes ao longo do día se se deseña ben.

Pequenas metas

  1. 01Identificar os principais destinos exteriores e os horarios de maior demanda.
  2. 02Coordinar, cando sexa posible, os horarios locais cos demais medios de transporte.
  3. 03Coordinar coa administración competente as conexións que crucen o termo municipal, como a do CUVI.
  4. 04Integrar a conexión co CUVI dentro do proxecto Tui Universitario.
  5. 05Deseñar o sistema de forma que os mesmos recursos poidan atender diferentes necesidades ao longo do día.
Onde queremos chegar

Ampliar as alternativas prácticas ao vehículo particular nos desprazamentos habituais.

PROXECTO 2.3

APARCAMENTO E ÁREA PANORÁMICA

PROPOSTA DO EQUIPO

O aparcamento condiciona o día a día de quen vive, traballa ou visita Tui. Queremos coñecer onde faltan prazas e escoller unha solución que funcione para o centro sen renunciar a un espazo público agradable.

Estudaremos a demanda real e as opcións para mellorar o estacionamento no centro e nas zonas próximas. A capacidade que poida engadirse dependerá das alternativas viables, dos seus custos e do impacto no espazo público.

Na Área Panorámica queremos estudar se é posible compatibilizar estacionamento cun espazo exterior máis verde e con sombra. Ver tamén: o uso do edificio e das salas municipais en «Área Panorámica · recuperar espazos para a cidade» (6.6).

O estudo deberá comparar as alternativas e mostrar que combinación de prazas, sombra e zona verde é posible sen dar por decidida a solución.

Con esa información poderemos decidir por fases, explicar os custos e levar adiante a opción que mellor responda ás necesidades de Tui.

Pequenas metas

  1. 01Actualizar os datos sobre necesidades e capacidade de aparcamento no centro.
  2. 02Revisar tecnicamente as posibilidades reais da Área Panorámica e os estudos e actuacións realizados ata o momento.
  3. 03Analizar outras localizacións que poidan complementar o estacionamento do centro.
  4. 04Comparar con profesionais as opcións de aparcamento e zona verde na Área Panorámica, se resultan compatibles.
  5. 05Definir custos, fases, financiamento e modelo de execución da solución seleccionada.
  6. 06Desenvolver por fases a solución viable que se escolla, cos permisos e recursos necesarios.
Onde queremos chegar

Mellorar o aparcamento cunha solución viable e, onde sexa posible, gañar sombra e espazo verde para as persoas.

PROXECTO 2.4

ADAPTACIÓN DOS VEHÍCULOS POLO CENTRO

PROPOSTA DO EQUIPO

Queremos estudar unha mellor adaptación dos vehículos polo centro de Tui e unha boa xestión do aparcamento e da zona azul, de xeito que circular e aparcar sexa máis sinxelo para a veciñanza, o comercio e quen nos visita.

O obxectivo non é deixar de controlar o estacionamento, senón xestionalo ben. Para iso, unha das accións é cuestionar o sistema de cámaras posto en marcha polo goberno actual, que consideramos mal planificado e custoso.