Reto 06

Tui cultural 365

Tui conta con grandes citas culturais e unha importante actividade en determinados momentos do ano. Queremos completar esa fortaleza cunha programación máis continua, especialmente nos períodos nos que hai menos alternativas e para públicos que necesitan unha oferta máis estable.

2023: axenda, biblioteca, teatro e centros culturais.

PROXECTO 6.1

CULTURA TODO O ANO

PROPOSTA DO EQUIPO

Queremos planificar a cultura cun calendario anual que permita detectar os meses e fins de semana con menos actividade e cubrir eses baleiros con propostas proporcionadas.

A cultura pode combinar grandes festivais con citas pequenas e recorrentes. Teatro, música, danza, cine, literatura, arte, patrimonio ou cultura tradicional poden combinar grandes eventos con citas pequenas e recorrentes.

Pequenas metas

  1. 01Crear un mapa anual de toda a programación municipal e asociativa.
  2. 02Detectar períodos e públicos con menor oferta.
  3. 03Crear ciclos estables nos meses con menos actividade.
  4. 04Coordinar mellor programación municipal e iniciativas das asociacións.
Onde queremos chegar

Que a actividade cultural forme parte da vida habitual de Tui durante todo o ano, con grandes citas e programación regular.

PROXECTO 6.2

CULTURA INFANTIL E FAMILIAR

PROPOSTA DO EQUIPO

Queremos que as familias teñan propostas culturais recorrentes tamén durante os meses de inverno e chuvia.

Contacontos, teatro, música, maxia, cine, obradoiros ou pequenos espectáculos poden converterse en citas periódicas. Buscamos unha programación regular para que as familias saiban que teñen propostas culturais ao seu alcance en Tui.

Pequenas metas

  1. 01Crear unha programación familiar estable con periodicidade coñecida.
  2. 02Utilizar biblioteca, teatro e outros equipamentos segundo o tipo de actividade.
  3. 03Combinar actividades gratuítas con espectáculos de maior formato cando proceda.
  4. 04Distribuír a programación ao longo de todo o ano.
Onde queremos chegar

Que a oferta cultural infantil teña continuidade durante todo o ano.

PROXECTO 6.3

BIBLIOTECA

PROPOSTA DO EQUIPO

Queremos que estudar, ler cun neno ou participar nun taller poida facerse na mesma biblioteca sen que uns usos interfiran continuamente nos outros.

Para iso queremos estudar a distribución actual e separar mellor as necesidades: unha verdadeira zona de silencio e estudo, un espazo infantil e familiar e zonas nas que poidan realizarse contacontos, clubs de lectura, obradoiros ou actividades.

Pequenas metas

  1. 01Analizar como se utiliza actualmente cada zona.
  2. 02Definir claramente os espazos de estudo, infancia e actividades.
  3. 03Estudar as adaptacións necesarias.
  4. 04Crear unha programación recorrente vinculada á lectura e á cultura.
Onde queremos chegar

Ter unha biblioteca que funcione realmente como lugar de estudo, lectura, infancia e actividade cultural.

PROXECTO 6.4

TEATRO MUNICIPAL

PROPOSTA DO EQUIPO

Queremos que o Teatro Municipal estea á altura da programación que queremos desenvolver nel.

Antes de comprar elementos illados, queremos revisar profesionalmente son, iluminación, audiovisuais, butacas, accesibilidade, camerinos, almacenamento e necesidades técnicas e crear un plan de modernización ordenado.

Pequenas metas

  1. 01Realizar unha auditoría técnica do equipamento.
  2. 02Separar as necesidades urxentes das melloras a medio prazo.
  3. 03Crear un plan de investimento por fases.
  4. 04Actualizar progresivamente o equipamento sen interromper a programación.
Onde queremos chegar

Dispoñer dun teatro moderno, cómodo e preparado tecnicamente para unha programación estable e diversa.

PROXECTO 6.5

CULTURA E ASOCIACIÓNS

PROPOSTA DO EQUIPO

Queremos coñecer a programación anual das asociacións culturais e as súas necesidades de calendario, espazo e recursos. Ver tamén: a relación co tecido asociativo e as axudas municipais en «Asociacións» (9.4).

Isto permitiría organizar mellor a programación cultural de Tui, evitar que actividades dirixidas ao mesmo público coincidan innecesariamente e detectar oportunidades para colaborar, compartir recursos ou crear proxectos conxuntos.

Tamén queremos estudar as necesidades de espazo das asociacións. Algunhas, pola súa actividade, precisarán instalacións moi específicas, pero outras con características ou necesidades compatibles poderían compartir espazos municipais preparados para ensaiar, reunirse, gardar material ou desenvolver a súa actividade. En lugar de buscar unha solución independente para cada entidade, queremos coñecer primeiro que necesita cada unha e organizar os recursos municipais con lóxica.

Pequenas metas

  1. 01Reunirnos coas asociacións e coñecer individualmente a súa actividade e necesidades.
  2. 02Crear un calendario compartido que permita coordinar mellor actividades e evitar solapamentos.
  3. 03Identificar que entidades necesitan instalacións específicas e cales poden compartir recursos.
  4. 04Revisar os espazos municipais dispoñibles e detectar cales poden adaptarse para uso asociativo.
Onde queremos chegar

Pasar dunha relación puntual coas asociacións a unha colaboración continua, coñecendo o que fan, coordinando mellor a actividade cultural e aproveitando de maneira máis intelixente os espazos e recursos municipais.

PROXECTO 6.6

ÁREA PANORÁMICA · RECUPERAR ESPAZOS PARA A CIDADE

PROPOSTA DO EQUIPO

Queremos aproveitar mellor as salas e espazos do edificio da Área Panorámica para cultura, formación e asociacións. Ver tamén: o aparcamento e o espazo exterior en «Aparcamento e Área Panorámica» (2.3).

Algunhas salas úsanse menos do que poderían. Cultura, asociacións, formación, reunións, obradoiros e ensaios necesitan espazos distintos; organizalos mellor pode abrir máis actividade sen crear de entrada outro edificio.

Revisaremos accesos, distribución e condicións técnicas para que as actividades poidan compartir o edificio sen interferirse.

Pequenas metas

  1. 01Realizar un inventario de todos os espazos dispoñibles e do uso real que teñen actualmente.
  2. 02Detectar zonas infrautilizadas e estudar as súas posibilidades.
  3. 03Cruzar estes espazos coas necesidades de asociacións, cultura e outros servizos municipais.
  4. 04Deseñar unha reorganización que permita compartir instalacións e darlles máis uso.
  5. 05Adaptar progresivamente os espazos que o necesiten.
Onde queremos chegar

Recuperar metros cadrados municipais que hoxe están infrautilizados e conseguir que a Área Panorámica funcione como un equipamento moito máis vivo, útil e aproveitado pola cidade.

PROXECTO 6.7

BIBLIOTECA E ESPAZO DE ESTUDO

ACHEGA VECIÑAL

Queremos estudar a creación dun espazo público de estudo dentro dunha biblioteca ben adaptada: con silencio real, boa iluminación, enchufes, wifi gratuíta e un horario amplo, tamén en fins de semana e festivos. Ver tamén: «Biblioteca» (6.3).

Hai concellos próximos con esta fórmula. En O Porriño, a sala de estudo ten 80 postos, iluminación individual e wifi aberta, abre todos os días da semana e o acceso é gratuíto co carné da biblioteca. En Tomiño funcionou desde 2020 unha aula de estudo e hoxe o Espazo Isaura Gómez integra biblioteca e zonas de estudo.

Para facelo ben, queremos valorar onde ubicar a biblioteca e acondicionala: aula de estudo insonorizada, zona infantil e zonas para cursos e actividades. Unha das opcións é a Área Panorámica. Algunhas familias contan que deixaron de ir porque as nenas e os nenos non poden facer ruído.

Antes de pensar nun edificio novo, queremos revisar que espazos municipais poderían adaptarse e canto custaría facelo.

Pequenas metas

  1. 01Preguntar a estudantes, opositores e familias que necesitan: horarios, silencio, postos e servizos.
  2. 02Valorar onde ubicar a biblioteca, estudando as distintas opcións de espazo.
  3. 03Definir as condicións mínimas: insonorización, luz, enchufes, wifi gratuíta e unha sala separada para traballo en grupo.
  4. 04Prever unha zona infantil e zonas para cursos e actividades.
  5. 05Estudar un horario amplo, tamén en fins de semana e festivos, e como se accede.
  6. 06Coñecer como funciona o servizo en concellos próximos, como O Porriño e Tomiño.
Onde queremos chegar

Ter en Tui unha biblioteca e un espazo de estudo cómodos, silenciosos e con horario amplo, tamén en fins de semana e festivos, con lugar para as familias.

PROXECTO 6.8

MELLORAR A SALA DE EXPOSICIÓNS DE TUI

PROPOSTA DO EQUIPO

Queremos estudar como mellorar a sala de exposicións de Tui: o seu espazo, a súa programación e as súas condicións. É unha idea a estudar, non un proxecto decidido. Ver tamén: «Biblioteca e espazo de estudo» (6.7).

Hoxe a sala de exposicións comparte espazo e horario coa biblioteca municipal. Queremos valorar que opcións hai para dar á arte e ás exposicións un lugar con condicións e programación propias.

Pequenas metas

  1. 01Valorar un bosquexo que se fixo hai uns anos para un centro de arte contemporánea de Tui, chamado CACTU: retomalo e valoralo.
  2. 02Estudar outras localizacións para a sala de exposicións.
  3. 03Estudar outras posibilidades para mellorar a sala nos seus espazos actuais.
  4. 04Definir unha programación de exposicións e actividades.
  5. 05Coordinar o proxecto co estudo da biblioteca (6.7) e coas melloras de infraestrutura do edificio.
Onde queremos chegar

Saber que opcións ten Tui para ter unha sala de exposicións mellor, con programación propia e as condicións que a arte necesita.

PROXECTO 6.9

EVENTOS COORDINADOS E FESTAS RECUPERADAS

PROPOSTA DO EQUIPO

Queremos coordinar mellor os eventos de Tui para que non se solapen actos co tecido asociativo e a xestión sexa ordenada. Para iso queremos valorar o uso dunha plataforma municipal de xestión de eventos. Ver tamén: «Cultura todo o ano» (6.1) e «Cultura e asociacións» (6.5).

Tamén queremos mirar cara atrás: hai festas e festivais que se fixeron en Tui e deixaron de celebrarse. Queremos saber que pasou con eles e estudar se poden volver ao calendario anual. Un exemplo é o Festival Arraianos, unha cita medieval con edicións en Tui desde 2016 (a cuarta, en 2019).

Pequenas metas

  1. 01Valorar unha plataforma municipal de xestión de eventos cun calendario común.
  2. 02Incluír nela os actos municipais e os das asociacións para evitar solapamentos.
  3. 03Falar coas persoas e entidades que organizaron o Festival Arraianos para ver como retomalo e incorporalo ao calendario anual.
  4. 04Revisar as festas e festivais que se facían antes en Tui, a súa evolución e que pasou con cada un.
  5. 05Estudar cales poden volver ao calendario.
Onde queremos chegar

Ter un calendario de eventos ordenado, sen solapamentos, e recuperar as festas e festivais que teñan sentido para Tui.