Reto 03
Queremos que facer actividade física en Tui sexa fácil en calquera etapa da vida. Hoxe hai necesidades que levan mesmo a veciñanza de Tui a buscar fóra servizos deportivos que poderían ter aquí.
2023: deporte de base.
PROXECTO 3.1
Tui conta cunhas piscinas municipais recentemente renovadas, pero continúan sendo instalacións de tempada estival. Quen quere nadar durante o resto do ano ten que desprazarse a outros municipios. Piscinas próximas como as do Porriño ou Valença absorben tamén usuarios da nosa contorna e soportan unha utilización moi elevada.
Por iso o punto de partida é moi concreto: queremos que en Tui se poida nadar os 365 días do ano.
A solución concretarase a partir do estudo profesional da instalación. Queremos que os profesionais estuden a instalación que acabamos de renovar e determinen a mellor solución técnica, económica, enerxética e funcional para permitir o seu uso durante todo o ano.
A piscina pode formar parte dunha oferta municipal máis ampla. Queremos analizar que instalacións xa temos e como poden aproveitarse para ofrecer actividades de forza, mobilidade, pilates, mantemento físico, exercicio adaptado ou envellecemento activo.
Queremos aproveitar mellor os espazos xa dispoñibles para completar a oferta de actividade física. O estudo dirá que instalacións e recursos fan falta; a decisión sobre a piscina debe responder ao seu custo e funcionamento real.
Que unha persoa de Tui poida nadar e acceder durante todo o ano a unha oferta básica de actividade física no seu municipio.
PROXECTO 3.2
Queremos impulsar o deporte ao aire libre e conectar actividade física e natureza. Os espazos concretos valoraranse segundo as necesidades e as posibilidades de cada lugar.
Queremos estudar un espazo exterior amplo no que practicar calistenia, forza, exercicio funcional, mobilidade ou estiramentos e desde o que tamén poidan partir ou conectarse percorridos para correr, camiñar ou acceder ás rutas da contorna.
Queremos un espazo de adestramento pensado como un conxunto e integrado na natureza. Queremos que profesionais do deporte, da paisaxe e do deseño do espazo público definan un lugar realmente útil para adestrar e integrado na natureza.
Dispoñer de espazos para facer deporte gratuíto ao aire libre e conectar actividade física e natureza.
PROXECTO 3.3
Queremos crear espazos pensados especificamente para conservar mobilidade, forza, equilibrio e autonomía ao facernos maiores. As localizacións valoraranse segundo as necesidades das persoas maiores nas distintas zonas e parroquias de Tui.
Queremos deseñar un parque activo completo, pensado para as necesidades das persoas maiores. Queremos un lugar accesible, agradable, con sombra, bancos, percorridos e elementos correctamente seleccionados para traballar mobilidade, coordinación, equilibrio ou forza.
O mesmo espazo podería acoller actividades guiadas de envellecemento activo e converterse tamén nun lugar de encontro.
Axudar a que as persoas maiores manteñan durante máis tempo a súa mobilidade, autonomía e vida social.
PROXECTO 3.4
Os nenos e mozos necesitan tamén lugares nos que moverse con liberdade. Os parques infantís poden complementarse con espazos para outras formas de xogo e actividade.
Queremos crear un espazo seguro no que aprender e practicar bicicleta, patíns e outras formas de movemento, adaptado a diferentes idades e separado do tráfico.
Ofrecer tamén espazos públicos pensados para unha infancia e mocidade activas.
PROXECTO 3.5
Proposta do PP para renovar o campo de fútbol de Guillarei, dentro das instalacións deportivas do municipio.