Reto 01
Queremos que Tui sexa unha opción real para quen busca un lugar no que vivir, independizarse, estudar, formar unha familia ou volver. Para iso queremos recuperar os espazos que xa temos, coidar os servizos das parroquias e abrir oportunidades para que máis persoas poidan facer vida aquí.
En 2023: vivenda, casco histórico, alugueiro e estudantes. Agora incorporamos tamén o mantemento e os servizos de cada parroquia.
PROXECTO 1.1
En Tui existen vivendas baleiras, edificios que poderían recuperarse e inmobles que necesitan rehabilitación, ao mesmo tempo que acceder a unha vivenda habitual ou de alugueiro resulta difícil para moitas persoas.
Queremos empezar pola vivenda que xa existe: coñecer que inmobles poden recuperarse, facilitar desde o Concello os trámites que permitan facelo e estudar incentivos para que máis propietarios rehabiliten ou incorporen vivendas ao alugueiro habitual. No conxunto histórico, recuperar vivenda significa ademais recuperar veciñanza e vida diaria.
Que as casas baleiras ou deterioradas que poidan recuperarse volvan ter vida e que máis persoas atopen en Tui un lugar onde vivir.
PROXECTO 1.2
Temos o CUVI moi preto e queremos aproveitar esa proximidade para atraer estudantes a vivir en Tui. Queremos que durante os seus anos universitarios esas persoas fagan vida en Tui: que compren aquí, fagan deporte, participen na cultura, saian, coñezan a cidade e formen parte dela.
Para que isto funcione hai dúas condicións que teñen que resolverse xuntas: ter onde vivir e poder chegar ao CUVI de maneira práctica.
Queremos identificar vivendas, edificios ou outras fórmulas que poidan crear unha primeira oferta de aloxamento universitario e deseñar unha conexión co campus adaptada aos horarios reais dos estudantes. O aloxamento e a conexión co campus deben avanzar xuntos.
Tui Universitario abranguería tamén a vida cultural, deportiva e social da cidade. Queremos conectar os estudantes coa programación cultural, instalacións deportivas, comercio, asociacións, voluntariado e vida social da cidade.
Atraer poboación nova a Tui, conseguir que forme parte da cidade durante a súa etapa universitaria e crear vínculos que poidan continuar despois dos estudos.
PROXECTO 1.3
En Tui hai persoas maiores que viven soas e persoas novas ou estudantes que necesitan unha vivenda accesible. Queremos conectar ambas realidades mediante un programa municipal voluntario e supervisado.
A persoa maior podería ofrecer unha habitación en condicións vantaxosas e a persoa nova asumiría compromisos previamente acordados de compañía e convivencia. A persoa nova asumiría un papel de compañía e convivencia, mantendo os coidados profesionais que a persoa maior precise.
O Concello organizaría o programa: entrevistas, selección, compatibilidade entre as persoas, acordo de convivencia, seguimento e mediación se aparece algún problema.
Facilitar vivenda á xente nova e crear ao mesmo tempo unha nova ferramenta contra a soidade non desexada.
PROXECTO 1.4
Vivir ben en Tui tamén depende das cousas de cada día. Un camiño no que medra a herba, unha luz que falta ou problemas de saneamento e conexión a internet poden afectar moito á vida dunha parroquia.
Queremos escoitar o que acontece en cada lugar e facer un repaso, parroquia por parroquia, do mantemento e dos servizos básicos: limpeza e desbroce dos espazos públicos, alumeado, cableado, saneamento e acceso a internet. Hai problemas que pode atender o Concello e outros que requiren falar coas empresas e administracións responsables.
Con esa información, e co asesoramento dos profesionais correspondentes, poderemos distinguir o que se pode arranxar axiña do que necesita un proxecto, permisos ou colaboración doutras entidades. Cada parroquia merece saber que se estudou, a quen lle corresponde actuar e que solución se propón.
Que o mantemento e os servizos básicos respondan ás necesidades reais de cada parroquia, con solucións estudadas e responsabilidades claras.