Reto 09
Queremos que participar na cidade signifique algo máis que votar cada catro anos. TUI 20.000 debe permitir propoñer, colaborar e comprobar que sucede coas propostas.
2023: consellos municipais e participación.
PROXECTO 9.1
Cando o buzón estea preparado para recibir datos con seguridade, queremos abrir unha canle estable para propoñer melloras, necesidades e ideas para Tui.
Cada proposta debe ter un percorrido claro desde a súa recepción. Deben poder revisarse, recibir resposta e, cando unha delas se incorpore á axenda, quedar identificada como unha proposta nacida dunha achega veciñal.
Conseguir que a participación cidadá poida modificar e enriquecer realmente a axenda de traballo.
PROXECTO 9.2
Queremos crear unha rede municipal de voluntariado con programas concretos en cultura, patrimonio, medio ambiente, animais, deporte, eventos ou acción social.
Cada programa deberá indicar que tarefas existen, que formación se necesita, quen coordina, que cobertura teñen os participantes e como se acredita a experiencia realizada.
Transformar as ganas de participar en oportunidades reais e organizadas de colaborar coa cidade.
PROXECTO 9.3
Queremos que estudantes universitarios, de FP e doutras formacións poidan atopar no Concello proxectos nos que adquirir experiencia real cando exista unha actividade relacionada cos seus estudos.
Cultura, eventos, patrimonio, comunicación, administración, deporte, medio ambiente ou atención animal poden ofrecer oportunidades diferentes.
Facilitar primeiras experiencias profesionais útiles sen utilizar as prácticas para substituír postos de traballo.
PROXECTO 9.4
Queremos unha relación moito máis próxima e continua co tecido asociativo. O Concello debe coñecer que fai cada asociación, que proxectos ten previstos, que necesidades atopa e que recursos precisa, en lugar de relacionarse con elas principalmente cando chega unha subvención ou unha actividade concreta.
Queremos unha planificación compartida coa que coñecer os calendarios de todas as entidades, evitar solapamentos cando sexa posible e detectar colaboracións entre asociacións e Concello. Ver tamén: a programación cultural e os espazos de ensaio en «Cultura e asociacións» (6.5).
As axudas municipais deben manter criterios públicos e coñecidos —actividade, participación, impacto, continuidade, apertura á cidadanía, colaboración e correcta xustificación—, pero o apoio ás asociacións debe ir máis alá do económico.
A planificación dos espazos municipais formará tamén parte deste traballo: coñeceremos que asociacións necesitan instalacións específicas e cales teñen necesidades compatibles para poder compartir espazos, recursos ou equipamentos.
Que as asociacións deixen de relacionarse co Concello só para solicitar unha axuda ou organizar unha actividade e pasen a formar parte dunha rede coordinada, próxima e activa na vida de Tui.
PROXECTO 9.5
En Tui hai persoas, asociacións, empresas, voluntarios, mozos e maiores que contribúen á cidade e moitas veces ese traballo pasa desapercibido.
Queremos crear uns Recoñecementos Tui para agradecer publicamente esas contribucións mediante criterios transparentes e propostas abertas á cidadanía.
Queremos unha celebración aberta que poña en primeiro plano a quen contribúe cada día á vida de Tui.
Incorporar tamén a cultura do agradecemento e do recoñecemento á vida da cidade.